Friday 19 de April de 2024

O Concello de Frades presenta ao alumnado do IES de Ponte Carreira o material da campaña do 25N: “Xuntos voaremos máis alto”


O material está baseado no traballo de Bruno Pérez Meijide e Diana Rivadas Porteiro (1º ESO), co que se comezou a facer un graffiti no campo de fútbol municipal de Ponte Carreira

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, visitou esta mañá o IES de Ponte Carreira para presentar o material que o Concello de Frades empregará este ano para a campaña do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha campaña que xira en torno ao slogan “Xuntos voaremos máis alto” e que leva como logotipo un debuxo realizado por Bruno Pérez Meijide e Diana Rivadas Porteiro, de 1º da ESO, e que resultou gañador do concurso convocado polo Concello.

O Concello de Frades empregou a proposta gañadora como base da campaña municipal do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ademais de integrala na cultura urbana do municipio a través dun graffiti no campo de fútbol de Ponte Carreira. Un graffiti que comezou a elaborarse esta mesma mañá.

Minuto de silencio

O Concello de Frades ten convocado para mañá xoves, 25 de novembro, ás 12:00 horas, unha concentración diante da casa do concello na que se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero. Así mesmo, os establecementos comerciais de Frades poden recoller na casa consistorial o material do Día Internacional contra a Violencia Machista: adhesivos para os escaparates, manteis individuais…